Concello da Estrada

¿Aínda non tes conta de correo en aestrada.com?

¡A que esperas!


Accede ao teu correo Accede ao teu correo

A Bandeira, Escudo e Himno

A Bandeira

O acordo de creación foi tomado por unanimidade en Pleno o día 16 de maio de 1984 e posteriormente aprobada por Orde da Consellería de Presidencia a través do Decreto 82/1985 do 28 de marzo.

Será rectangular e estará cruzada dende o ángulo superior esquerdo ao inferior dereito por unha franxa de cor branca na proporción de dous a dez en relación co ancho da bandeira e dividindo en dous triángulos rectángulos iguais, un de cor vermella na parte superior e outro de cor verde na parte inferior.

A cor vermella elixiuse por ser a mesma do estandarte do Concello e o verde significa auga, esperanza e forza, facéndonos lembrar a cor dos nosos vales e montañas.

Bandeira de A Estrada

O Escudo

O escudo actual data do acordo adoptado en sesión extraordinaria no Pleno o día 30 de maio de 1928.

Fórmano unhas pezas nobres asentadas nun óvalo cunha estrela de prata no centro superior, é dicir na punta do xefe da que caen destelos do mesmo metal a pau cara o centro do escudo alumeando dous camiños que serpean entre montes e vales, de cor natural, dende unha torre almeada, de ouro, coas portas e ventás de gules (vermello) que aparece na súa parte destra e outros en forma de S dende o lado sinistro dunha ponte románica de seis arcos e de cor natural que vai atravesando sobre o río (o Ulla) dun a outro cantón da punta do escudo, todo sobre fondo azul e adoptando forma oval que rodea unha bordadura caprichosa con puntas enroladas simetricamente ás superiores cara ao reverso e as inferiores cara ao anverso, envolvendo o destro un ramo palmo e o sinistro outro de carballo con landras que son de cor sinople (natural, ou sexa verde), debaixo, na punta unha cuncha de vieira de cor natural. Unha coroa real é a que serve de timbre a este escudo.


O valor heráldico das pezas é o seguinte:

Escudo de A Estrada

A estrela é a imaxe da felicidade, significando grandeza, verdade, luz, maxestade, paz e prudencia.

A torre Significa grandeza e elevación, asilo e salvagarda; representa as torres feudais de Guimarei, A Barreira e o Pazo de Oca.

A bordadura é peza honorable de primeira orde, e privilexio de esforzados guerreiros.

O ramo do carballo é símbolo de ánimo forte e constante de fecundidade en empresas.

O ramo de palma representa o premio ao martirio, a victoria e ao triunfo.

Os camiños refírense ao camiño real da peregrinaxe cara terras de Compostela.

A ponte representa a ponte románica de Vea, que fala da nosa tradición neste censo de peregrinaxe cos seis arcos que aínda hoxe conserva.

A cuncha da vieira é símbolo dos peregrinos a Santiago.

 

O Himno

Terra nobre, fidalga e ben labrada,
dende Montes a ollar fecundos ríos.
Mociña florecida en amoríos que de
cincuenta estrelas es gardada.

De pazos e de pontes adornada,
de castros e de rexos penedíos,
de soutos e camposas, aduvíos da
palabra que é lei dita na Estrada.

Sosegan na túa paz os bos viaxeiros
e medran os teus fillos na irmandade
e na fiel memoria os devanceiros.

Con ramos de benvida e lealdade
sairemos todos xuntos ós carreiros
cun cantar de esperanza e liberdade:

O himno novo das terras da bonanza
a resoar polos vales e os outeiros
ata onde o corazón a Patria alcanza

Letra: Salvador García Bodaño. Músíca: Eulogio López Masid.

O himno

Descargar pdf

Descargar mp3

 


 

  Rias Baixas Deputación de Pontevedra Concello da Estrada
Aviso legal . Accesibilidade