Concello da Estrada

Manifesto con motivo do Día Internacional das Mulleres

Os membros da Comisión de Benestar Social, Educación e Igualdade acordaron, por unanimidade, aprobar a declaración institucional elaborada conxuntamente por todos os grupos políticos con motivo do Día Internacional das Mulleres

co seguinte texto:

Hai xa máis de cen anos que o movemento feminista estendeu o 8 de marzo como unha data internacional e referencial na loita pola igualdade de dereitos das mulleres. Na actualidade esta data simboliza a loita incansábel de moitas mulleres e colectivos de mulleres de todo o mundo na defensa da igualdade, especialmente no ámbito laboral, e que contribuíron a conquistar numerosos avances en materia de dereitos. Porén, contamos con numerosos indicativos que amosan como a igualdade real é un obxectivo aínda lonxe de conquistar.

Organismos e observatorios, tanto internacionais como galegos, alertaron da enorme desigualdade que aínda sufrimos as mulleres no mundo. Deste xeito, podemos observar o que nos indica o último informe, de outubro de 2016, do Foro Económico Mundial, no que se avalían indicadores coma a educación, a saúde, as oportunidades económicas e o apoderamento político. Nel advírtese que a igualdade entre homes e mulleres podería demorar 170 anos, cando no informe anterior se estimaban 118, unha regresión á que, como recoñece o propio informe, contribúe o feito de que se freasen de forma drástica os avances na materia.

O informe evidencia a desigualdade vixente e cifra a fenda entre homes e mulleres nun 59% para o 2016, a maior desde 2008. Indica como, a pesar de traballar máis horas de media, as mulleres gañan de media pouco máis da metade do que os homes, e como se estancou a participación das mulleres no mundo laboral: unha media dun 54% de mulleres activas laboralmente fronte a un 81% dos homes. Esta desigualdade pode observarse tamén de forma clara e especialmente simbólica nos postos de responsabilidade que ocupan as mulleres, pois só hai catro países en todo o mundo co mesmo número de homes e mulleres en postos lexislativos, por exemplo.

España creceu un 23%, segundo o FMI, no número de persoas en risco de pobreza ou de exclusión social. Son fundamentalmente mulleres e novas. Perdéronse 250 000 postos de traballo femininos. No sector público, a destrución de emprego feminino alcanza o 72%. Por primeira vez en 40 anos está a caer a poboación activa feminina. Tras a reforma laboral perdéronse 183 000 empregos, dos que o 60% son emprego asalariado feminino. A perda de emprego feminino triplica a perda de emprego masculino.

O día 1 de xaneiro de 2017, a pensión media dos homes era de 1 223,73 € ao mes, fronte aos 770 € da pensión media das mulleres. Xunto á expulsión das mulleres do mercado laboral, a precarización das condicións laborais e a temporalidade das mulleres que teñen emprego está o aumento da brecha salarial.

Ademais, debemos ter en conta e non perder de vista o labor que os concellos están realizando respecto da consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Esta experiencia en materia de igualdade facilita a interacción coa cidadanía, a identificación das necesidades do propio concello con respecto á conciliación e, sobre todo, a promoción da participación cidadá.

Para evitar a desigualdade, o desmantelamento das políticas de igualdade, a deterioración do mercado laboral e os sucesivos recortes do estado do benestar, os grupos que forman a Corporación Municipal do Concello da Estrada presentan diante do pleno, para a súa aprobación, a seguinte declaración institucional, na que se insta ó Goberno do Estado a:

  1. Apoiar publicamente e chamar á participación das veciñas e veciños nos actos e reivindicacións das organizacións e colectivos feministas locais e comarcais con motivo desta data.
  2. Instar ao goberno da Xunta de Galiza a elaborar un estudo sobre o impacto, o grao de cumprimento e a vixencia da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, en colaboración co Parlamento Galego e coa participación dos axentes sociais, sindicais e das organizacións e colectivos feministas, para valorar a necesidade de elaborar unha nova lei.
  3. Reforzar a prevención en violencia de xénero e facer especial fincapé en evitar a violencia entre a xente nova.
  4. Poñer en marcha, nos xulgados especializados en violencia de xénero, o acompañamento xudicial personalizado para facer accesible ás mulleres vítimas de violencia de xénero a información sobre o itinerario e procedemento máis seguro no seu percorrido xudicial desde o momento no que se pon a denuncia até o final do proceso.
  5. Promover unha lei de igualdade salarial entre homes e mulleres que garanta, de forma real e efectiva, tanto a distribución social dos traballos domésticos, como a retribución para o desempeño dun traballo de igual valor, eliminando todos os obstáculos (acceso, formación, promoción, conciliación...) que o dificultan.